Os Novecentistas,as vangardas,1925. (IV)

I

A poesía das Vangardas (1910-1930)

Os escritores nados arredor de 1900, coñecidos como Novecentistas, Vangardistas ou Xeración do 25, son os que levan a cabo unha renovación nas letras galegas, incorporando as vangardas europeas (creacionismo, imaxinismo, cubismo, surrealismo, futurismo e ultraísmo), e incluso innovando os alicerces da nosa primeira lírica.

Algúns dos representantes desta xeración morreron moi novos e outros ficaron marcados pola guerra inCivil de 1936.

Os nomes máis destacados son Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Fermín Bouzas Brey, Álvaro Cunqueiro, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Aquilino Iglesias Alvariño, Luís Pimentel, Eduardo Blanco Amor, Ricardo Carballo Calero e Xosé Díaz Jácome.

Sinopse das vangardas europeas

O futurismo nace en 1909 cando o italiano Marinetti publica o seu manifesto opoñéndose á lírica tradicional, exaltando a civilización mecánica e técnica, con temas que crean escándalo como o avión, a corrente eléctrica, ademais de reducir adxectivación para buscar fluidez verbal.

O cubismo nace primeiro como escola pictórica da man de Picaso en 1907. En 1913 ten as primeiras manifestacións na escrita francesa descompoñendo os temas en partes. Hai un paralelismo nos “caligramas”, poemas que buscan unha forma gráfica na súa composición tipográfica.

O dadaísmo nace en Zurich en 1916 da man de Tristan Tzara e busca unha resposta violenta á irracionalidade que propiciou a I Guerra europea de 1914. Esta corrente prepara o camiño ao superrealismo.

O ultraísmo é consecuencia de ismos anteriores que inflúen en poetas casteláns da xeración de 1927 como Xerardo Diego, transmitindo os sentimentos a través das imaxes e das metáforas.

O creacionismo foi inventado polo poeta chileno Vicente Huidobro, e buscaba que o poema representase a idea do sentimento, “facer un poema como a natureza fai unha árbore”, dixo o poeta. En certos aspectos teñen similitude cos ultraístas.

O superrealismo é a corrente máis innovadora deste tempo. En 1924, André Breton publica o Manifesto superrealista, buscando liberar ao home da racionalidade, deixando lugar ao subconsciente no labor creativo. Moitos destes autores militaron en partidos revolucionarios e conectaron coa ideas da psicanálise freudiana.

As vangardas na literatura galega

As vangardas maniféstanse na literatura galega a partir de 1925 e presentan as seguintes características:

Pódense considerar “fillos”da xeración anterior e son fundamentalmente poetas, aínda que algúns deles tamén cultivan a prosa.

Sitúanse nunha liña posmodernista e Manuel Antonio publica o manifesto chamado “Mais Alá”.

Interveñen directa ou indirectamente na creación de institucións e organizacións sociais como

O seminario de Estudios Galegos ou o Partido Galeguista (1931).

Participan en revistas literarias como Ronsel en Lugo e Alfar na Coruña; nos anos 30, Cristal en Pontevedra; Galicia e Papel de cor en Mondoñedo; Yunque en Lugo e Resol, folliña volandeira do pobo, en Santiago.

O Manifesto “Máis Alá” é unha chamada a facer nova literatura, buscando certas características innovadoras. Este manifesto proclamaba os seguintes aspectos anovadores:

Romper coa literatura paisaxística e cívica anterior.

Provocar ao ir contra o “vello” e querer presentar unha poesía nova.

Afastarse da realidade ollando esta dunha maneira diferente.

Renovar a linguaxe e os recursos estilísticos.

A revista Alfar era bilingüe e saíu á luz en 1923 n’A Coruña, baixo a dirección do poeta uruguaio Julio J. Casal.

A revista Ronsel aparece en Lugo no ano 1924, dirixida por Evaristo Correa Calderón e polo debuxante Álvaro Cebreiro.

Etapas das VANGARDAS

1.- O Creacionismo ou vangarda plena está representada polo poeta Manuel Antonio. Este estilo racha con todo o anterior e supón un anovamento da poética galega, nas formas e na estética. O poema non é un xogo como no “ultraísmo”, senón o froito dunha vivencia persoal pero tratado de maneira anovadora.

– Manuel Antonio (Manuel Antonio Pérez Sánchez), que nunca empregou os seus apelidos para firmar os traballos literarios, naceu en Rianxo (A Coruña) o 12 de xullo de 1900 e finou o 28 de xaneiro de 1930.

Tivo relación co grupo Nós e foi Vicente Risco quen o introduciu nos movementos de vangarda españois e europeos.

(Manuel Antonio)

A obra:

A súa única obra é “De catro a catro” que ten as seguintes características:

Metáforas innovadoras froito de asociacións insólitas.

Simboloxía marítima relacionada co existencialismo ( o mar é a existencia e o barco, o home). Antirromanticismo. Renovación da linguaxe (neoloxismos, linguaxe técnica marítima, anglicismos) e da métrica (verso libre, ausencia de estrofa e alteracións na sintaxe).

O humor froito da dimensión lúdica do poema.

2.- Os continuadores

Hai un feito a destacar ademais das vangardas europeas, ese feito é o redescubrimento por parte dos nosos poetas da poesía medieval galaico-portuguesa gracias á publicación da edición preparada por Jose Joaquim Numes en 1928

.

1.- O Hilozoísmo está representado polo poeta Luís Amado Carballo. Este movemento suma paisaxismo e creación de imaxes poéticas. A métrica é sinxela, baseada na poesía popular.

(Luís Amado Carballo

– Luís Amado Carballo (Pontevedra 1901, 1927). Cursou estudos de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, pero sen chegar a finalizalos. En 1920 trasladouse a Madrid coa idea adicarse ao xornalismo, obxectivo que consegue parcialmente. Leva unha vida bohemia e asiste a algunhas tertulias literarias.

De volta a Pontevedra, en 1922 funda xunto con Xoán Vidal Martínez a revista Alborada. Exerceu como mestre de escola. En 1924, ingresou como redactor de “La Concordia en Vigo” e despois en “El Pueblo Gallego”. Morreu en Pontevedra aos vintesete anos a consecuencia da tuberculose. En 1982 adicóuselle o Día das Letras Galegas.

A obra:

A súa obra poética comeza con “Proel” (1927) e, de xeito póstumo, publicouse “O galo” (1928).A súa poesía non significa unha ruptura total coa tradición, xa que nela mestura elementos tradicionais con outros mais innovadores.

Destaca a creación de imaxes sensoriais en que ofrece unha visión plástica e humanizada dos elementos da natureza. A súa obra está influenciada pola corrente inglesa do imaxinismo.

Outros autores deste estilo son:

Eduardo Blanco Amor, publica “Romances galegos” (1931); Manuel Luís Acuña con “Fírgoas” ( 1933); Augusto Casas con “O vento segrel” (1903); e Ánxel Sevillano con “ O muíño abeiro” (1935); Forentino Delgado con “Bebedeira” (1934); e Xulio Sigüenza con “Cantigas e verbas ao ar” (1928).

2.- O Neotrobadorismo consistiu nunha recreación libre dos temas amorosos e do estilo paralelístico das cantigas trobadorescas.

Fermín Bouza-Brey (Ponteareas 1901, Santiago de Compostela 1973), historiador, etnógrafo e poeta, durante a guerra civil foi separado de la carreira de xuíz por galeguista ata 1938, cando foi rehabilitado. En 1941 entra na Real Academia Galega.

A súa poesía inicia a vangarda denominada “neotrovadorismo”, con modernización das cantigas medievais. Este estilo será seguido por Álvaro Cunqueiro e por Álvarez Blázquez. En 1992 adicóuselle o día das letras galegas.

(Fermín Bouza-Brey)

A obra:

A súa obra literaria son os poemarios: “Nao senlleira” (1933) e“Seitura” (1955).

En narrativa publicou “Cabalgadas en Salnés” (1925).

Álvaro Cunqueiro continuou o neotrovadorismo con “Cantiga nova que se chama Riveira” (1933); seguindo con “Dona do corpo delgado” (1950).

Cunqueiro introduce despois o surrealismos co seu libro “Poemas do si e do non” (1933).

Este autor destaca como narrador e cultivador do “realismo máxico” na nosa literatura.

Xosé Mª Álvarez Blázquez, (Tui, 5 de febreiro de 1915 – Vigo, 2 de marzo de 1985) poeta e cronista oficial da cidade de Vigo. Leva ao extremo esta tendencia con “Cancioneiro de Monfero” (1953), facéndoo pasar por un cancioneiro do século XIII.

Foi membro numerario de la Real Academia Galega e membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento A el foi dedicado o Día das Letras Galegas do ano 2008.

Outros poetas que continuaron co neotrobadorismo foron:

Ricardo Carballo Calero publica en 1928 uns poemas neotrovadoresco co título de “Cantigas do amor lonxano”, que serán recollidas despois en “Vieiros” (1931).

Xosé Díaz Jácome deu ao prelo “Primeiras cántigas de amor” (1936), poesía influenciada non tanto nos cancioneiros como na obra do seu amigo Cunqueiro.

3.- O Neovirxinialismo procede dunha escola pasisaxística, continuadores de Noriega Varela, poeta das Irmandades da Fala, engadindo ademais, pinceladas de cultura clásica. Os representantes desta corrente son: Aquilino Iglesias Alvariño, Xosé Mª Díaz de Castro e Xosé Crecente Vega.

– Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane – San Xoán de Vilarente – Abadín, Lugo, 11 de xuño de 1909 –Santiago de Compostela, 29 de xullo de 1961). Profesor, escritor e poeta.

En 1947 publica «Cómaros Verdes», primeiro libro publicado en galego tras a guerra incivil do 36, no que abonda o hendecasílabo branco e asolágase no paisaxismo e na soidade.

(Aquilino Iglesias Alvariño)

4.- O surrealismo humanista está representado por Luís Pimentel.

– Luís Pimentel, de nome de pila, Luís Benigno Vázquez Fernández (Lugo, 1895 – 1958). Exerceu de médico na súa terra. Poeta galego no que influíron poetas casteláns como Lorca, Dámaso Alonso ou Jorge Guillén. En 1990 adicóuselle o día das Letras Galegas.

A obra:

Os seus primeiros poemas apareceron na revista Ronsel.

Editou na colección de poesía Benito Soto o seu primeiro libro “Sombra do aire na herba” (1950). “Trisco” (1950) No estilo destaca o verso libre, as imaxes vangardistas, os paralelismos e as anáforas.

(Luís Pimentel)

II

A prosa dos Novecentistas (1925)

A guerra inCivil de 1936 marca un antes e un despois, daquela Dieste edita antes do latrocinio contra a República, mentres que coetáneos como Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro, publican a súa prosa despois.

– Rafael Dieste naceu en Rianxo en 1988. Estudou Maxisterio en Santiago de Compostela, e foi xornalista en medios galeguistas ademais de estar vencellado ao Seminario de Estudos Galegos. Perante a guerra colaborou con revistas republicanas como Hora de España ou O mono azul. O exilio levouno a México, a Inglaterra e á Arxentina, e regresou a Galicia en 1961. Finou na súa vila natal en 1981.

A obra:

Dieste publicou 1926 unha colección de contos titulada “Dos arquivos do trasno, que mostran unha técnica narrativa moi depurada e unha grande orixinalidade. Moitos están relatados en primeira persoa, empleando un fado de misterio e irrealidade, con ambientación popular.

As historias son moi condensadas e van centrando a intensidade ata a final, que estoupa a modo de clímax, enganchando ao lector.

Dieste é autor tamén dunha comedia de carácter simbólico, “A fiestra valdeira” (1927). A súa estrutura é clásica, tres lances, nos que inclúe a presentación, o nó e o desenlace.

– Álvaro das Casas (Ourense, 1901- Barcelona, 1950). Estudou Filosofía e Letras e doutorouse en Ciencias Históricas e Xeográficas.

Exerceu de catedrático e director do Instituto local de Noia, onde fundou os primeiros grupos Ultreya (organización xuvenil galeguista fundada en 1932 en Noia – A Coruña). En 1933 despois dunha longa polémica co Partido Galeguista funda a Vangarda Nazonalista Galega.

A obra:

Cultivou a narrativa con “O xardín do castelo de Vidre” (1926), “Ladaíña” (1927), “Xornadas de Bastián Albor” (1931). En poesía publicou “Sulco e vento” (1931). O seu teatro ten un carácter panfletario.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s