Breve Historia do GALEGUISMO

Pra Sermos Galegos

Os precursores do Galeguismo (s. XIX)

O Provincialismo foi un movemento que naceu en 1840 para defender a integridade do territorio de Galicia. Esta integridade víase ameazada por culpa dun proxecto de división de España en provincias que se comezou a elaborar tras a morte de Fernando VII.

Os provincialistas querían que Galicia fose unha soa provincia e que non fose dividida nas catro que hoxe existen.

Hai dúas etapas no movemento provincialista, a primeira caracterízase por ser un período moi activo cultural e politicamente, sumándose ao pronunciamento do comandante Miguel Solís contra Narváez, que remata co fusilamento dos denominados Mártires de Carral. O segundo provincialismo é basicamente cultural, e é con el cando se produce o Rexurdimento literario do galego con Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

Desde 1865 ata 1875 desenvólvese o federalismo galego, representado por Alfredo Brañas (quen inspirou ao intelectuais nacionalistas cataláns).

Durante a I República Española, os federalistas propugnaban que Galicia se constituíse como un cantón dentro de España e que fose rexida pola súa propia Constitución cantonal.

Entre 1875 e 1907 algúns sectores tradicionalistas e conservadores adoitan as ideas galeguistas. O acontecemento máis destacado foi a fundación da Asociación Rexionalista Galega, que tivo como líderes principais a Manuel Murguía e Alfredo Brañas.

(Manuel Murguía)

En 1904, Manuel Murguía publica un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propón a creación dunha Academia Galega. Este artigo espertou interese suficiente como para que en 1905, co tesón de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal, se constituíse na Habana (Cuba), A Sociedade Protectora da Academia Galega.

En Galicia seguiron esta iniciativa algunhas figuras que se xuntaban en Libraría A Rexional na Coruña, propiedade de Eugenio Carré Aldao.

O 30 de setembro de 1906 constitúese A Real Academia Galega, presidida por Manuel Murguía e composta por corenta membros. O acto celebrouse nos locais da “Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns”, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. A asociación caribeña continuou tendo moito apoio, nove anos despois de ter sido constituída en Galiza a RAG, A Sociedade Protectora da Academia Galega tiña catrocentos trinta e tres socios.

Irmandades da Fala de Pontevedra

As Irmandade da Fala, nacemento do Galeguismo

O galeguismo aparece a mediados do século XIX, primeiro cando se presenta baixo a denominación de Provincialismo e logo de Regionalismo.

O Galeguismo é unha corrente intelectual que representa a defensa e promoción de Galiza a través da súa Historia, da súa Lingua e da súa Cultura. Desde as Institucións, os Colectivos Sociais e as individualidades, calquera actitude e actividade que preserve ou acrecente esa identidade e á vez universalidade de Galiza como pobo diferenciado, está actuando cun talante galeguista.

Cando o galeguismo adquire unha orientación política, estamos falando de soberanismo, de distintas interpretacións da organización de Galiza como estado autonómico, federal ou independente.

No contexto da nova configuración europea provocada pola I Guerra europea (co recoñecemento dos dereitos nacionais a Polonia, Irlanda e outros países), Antón Vilar Ponte e Aurelio Ribalta reclaman a necesidade de crear unha “Liga de Amigos do Idioma Galego”, o que abrirá as portas á inmediata constitución das Irmandades da Fala.

O 5 de xaneiro de 1916 Antón Vilar Ponte comeza desde as páxinas do xornal coruñés La Voz de Galicia, unha campaña para a creación desa liga. En marzo deste ano publica o folleto de afirmación rexionalista que cala en varios sectores políticos e intelectuais de ideoloxía liberal.

O 18 de maio de 1916, os irmáns Vilar Ponte convocan unha asemblea nos locais da Real Academia Galega d’A Coruña na que se acorda a creación dunha Irmandade de Amigos da Fala.

Deseguida se crearon agrupacións locais co mesmo nome e obxectivos por todo o territorio (Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense, Vilalba, Ferrol e Betanzos). O 14 de novembro aparece o seu órgano de expresión oficial, A Nosa Terra, integramente escrita en galego e contando xa con 2000 subscritores.

Estas irmandades serán o xermolo do Galeguismo e do Rexurdir da Cultura Galega. O galeguismo será adoitado como parte ideolóxica dalgúns partidos que nacen no primeiro cuarto do século XX.

O 17 e 18 de novembro de 1918, ten lugar “A Asambleia Nazonalista de Lugo” na que se sentan as bases das aspiracións soberanistas dos distintos partidos galeguistas creados ao longo do tempo.

A II Asemblea Nacionalista terá lugar en 1919 en Santiago de Compostela, mentres que a III será en Vigo en 1921. A partir deste ano, imponse a tendencia cultural das Irmandes sobre a política. Así, na IV Asemblea de Monforte en 1922 as Irmandades rachan a unidade de acción, a irmandade da Coruña e outras comarcais manteñen as fórmulas orixinais, mentres que o resto constitúen a Irmandade Nazonalista Galega dirixida por Vicente Risco. A irmandade coruñesa dirixida por Alfredo Somoza e Anxo Casal segue editando de maneira case clandestina A Nosa Terra, xa que logo, a Ditadura supuxo un parón de seis anos na actividade política dos grupos galeguistas, que foron proscritos.

A Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) foi primeiro partido político en Galiza de tendencia republicana, autonomista e progresista. Foi fundado por Santiago Casares Quiroga e Antonio Vilar Ponte en outubro de 1929 n’A Coruña coa participación d’As Irmandades da Fala locais. O seu programa era de feitura federalista, froito do Pauto de Lestrove do 26 de marzo de 1930, que dá paso a creación da Federación Republicana Galega, para conseguir bater á Monarquía borbónica e restaurar a República.

Entre 1929 e 1930 prodúcese a reorganización das Irmandades que culmina VI Asemblea Nacionalista da Coruña.

A II República chega coas eleccións municipais do 14 de abril de 1931, que dan vencedor aos partidos republicanos nas cidades importantes de todo o Estado e que determinan a claudicación de Alfonso XIII.

ORGA acada un importante éxito electoral nas Eleccións Constituíntes de 1931, sendo a forza hexemónica en Galiza con 15 deputados. Entre eles foron elixidos Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo e Ramón Otero Pedrayo

En 1933, a ORGA pasará a denominarse Partido Republicano Galego, quedando situado na esfera do republicanismo federal.

A VII Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala ten lugar en Pontevedra en decembro de 1931 e acorda a creación dun partido político que agrome ao galeguismo, que levará o nome de Partido Galeguista.

Asemblea da Fundación do Partido Galeguista

O Partido Galeguista, nacemento do nacionalismo galego

 A convocatoria de Asemblea para os días 5 e 6 de decembro de 1931 senta as bases para a creación dun partido soberanista, e consegue xuntar a varios grupos e irmandades de dentro e fóra do territorio, entre os que cómpre resaltar o Grupo Autonomista de Vigo, o Partido Galeguista de Pontevedra, o Labor Galeguista e o Partido Nazonalista Republicano de Ourense. Tamén participan representantes da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina e da sección arxentina da ORGA.

O Partido Galeguista acolle varias correntes, representadas en moitas personalidades importantes da cultura galega do seu tempo. Entre os conservadores están Vicente Risco, Otero Pedrayo, Filgueira; entre os progresistas de esquerda estarían Alexandre Bóveda, Castelao, Xoán Vidal Martínez, Suárez Picallo; os defensores claros da independencia están na Sociedade Nazonalista Pondal de Bos Aires.

A convivencia entre as diversas correntes non foi sempre doada, aumentando as tensións durante o bienio radical-cedista debido á posibilidade de que o Partido Galeguista pactase coa esquerda, o que causou finalmente a saída do sector máis conservador.

O Estatuto de Autonomía de 1936

O camiño cara á autonomía comezou en maio de 1931, cando o Seminario de Estudos Galegos elaborou un proxecto de Estatuto, no que Galicia era definida como un Estado Libre dentro da República Federal Española, o cal, con todo, non foi aceptado polas forzas maioritarias galegas. O mesmo destino correron outros proxectos, como o texto elaborado polos parlamentarios galegos nas Constituíntes.

Finalmente, en abril de 1932, o alcalde republicano de Santiago de Compostela, Raimundo López Pol, impulsou un movemento municipalista en favor da autonomía. En xullo levou a cabo unha asemblea de municipios na que se acordou constituír unha comisión redactora. A comisión estaba composta por Salvador Cabeza de León (ex-alcalde de Santiago e Decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela), Manuel Igrexas Curral (alcalde da Coruña), Eladio Rodríguez (presidente da Real Academia Galega), Manuel Lugrís Freire (académico numerario da RAG), Jacobo Arias do Villar (enxeñeiro forestal da Coruña), Avelino López Otero (secretario do Partido Republicano Galego), Rodrigo Sanz López (presidente do Secretariado de Galicia en Madrid), Alexandre Bóveda (membro do Partido Galeguista), Santiago Montero Díaz (doutor en Filosofía e Letras) e Enrique Rajoy Leloup (concelleiro compostelán e Decano do Colexio de Avogados de Santiago).

O anteproxecto preparado pola comisión debateuse nunha nova asemblea realizada en decembro dese ano na que se aprobou o documento definitivo (19 de decembro) co apoio do 77% dos municipios galegos, que representaban ao 84,7% da poboación.

O bienio negro radical-cedista (1933 – 1935), no que a dereita antidemocrática e golpista gobernou na II República, supón o parón na tramitación do Estatuto de Galiza.

Na Asemblea Extraordinaria de outubro de 1933 imponse as teses de Vicente Risco e o PG concorre ás eleccións xerais de 1933 en solitario, pero os 106.000 votos que obtén non lle serven para conseguir ningún deputado.

Despois da Revolución Obreira de outubro de 1934, aínda que o Partido Galeguista non tiña participado, o goberno vixente suspende a publicación d’A Nosa Terra e desterrou a Castelao e a Bóveda, descabezando así ao PG e provocando un descenso momentáneo da militancia.

Este feito favorecerá a formación dunha alianza cos republicanos de esquerda que faga posible a aprobación do Estatuto.

Na III Asemblea do PG, celebrada en Ourense o 13 e o 14 de xaneiro de 1934 apróbase coa oposición de Risco a alianza estratéxica cos republicanos e socialistas, ratificada na IV Asemblea do PG, celebrada en Santiago de Compostela o 20 e 21 de abril de 1935, coa oposición de Ramón Otero Pedrayo, o que provoca a escisión dun sector da dereita do PG, encabezada por Vicente Risco que forma a Dereita Galeguista.

En xuño de 1935 o PG comeza a negociar con Esquerda Republicana, e na Asemblea Extraordinaria do 25 de xaneiro de 1936 celebrada en Santiago de Compostela apróbase o ingreso do PG na Fronte Popular para concorrer ás eleccións xerais de 1936 con cinco candidatos do Partido Galeguista, saído elixidos Castelao, con 104.436 votos, pola provincia de Pontevedra, e Suárez Picallo e Vilar Ponte pola provincia d’A Coruña, con ao redor de 150.000 votos cada un.

Nas eleccións xerais de febreiro de 1936, saíu vencedora a coalición de esquerda-republicana a “Rente Popular”.

Galicia preparouse para o referendo con carteis deseñados por Castelao, Luís Seoane, Díaz Pardo, e outros artistas. O 28 de xuño de 1936 celebrouse finalmente o plebiscito do estatuto. Do total de electores de que constaba o censo, 1.343.135, votaron 1.000.963, o 74,56% do censo electoral, con 993.351 votos a favor, 6.161 en contra e 1.451 papeletas en branco.

O 15 de xullo de 1936, Gómez Román e Castelao, entregan ao Presidente das Cortes Españolas o texto do estatuto aprobado en referendo, para o inicio dos trámites para a súa aprobación.

Pero o goberno da Frente Popular soamente conseguiu gobernar en paz durante cinco meses. O golpe de Estado do 17 ao 18 de xullo perpetrado polos xenerais golpistas (Mola, Franco, Sanjurjo, entre outros), desembocou na Guerra inCivil Española.

En febreiro de 1938, en plena guerra inCivil, as Cortes Españolas aceptárono a trámite, pero aí quedou todo o proceso legal, sen ningunha consecuencia lexislativa.

O golpe fascista á legalidade vixente da República

A conspiración contra a República comezou no mesmo momento no que se deu a coñecer o pacto dos partidos da esquerda para formaren a Frente Popular que haberían concorrer ás eleccións do 16 de febreiro. Despois das eleccións finalizadas co triunfo do Frente Popular, os militares presionaron sobre o presidente do goberno en funcións, Manuel Portela Valladares, para que declarase o estado de guerra. Portela sen chegar a declaralo dimitiu o 19 de febreiro e Azaña formou un novo goberno. Os serizos segredos tiñan infromado ao goberno da intentona golpista, e decide envíar aos militares que máis se destacaran na conxura fóra de Madrid, Franco a Canarias, Goded a Mallorca e Emilio Mola a Pamplona, quen desde alí cotinuou preparando o levantamento.

Entre o 5 e o 12 de marzo Mola ten unha xuntanza coa maioría dos sediciosos, entre eles Franco, Orgaz, Fanjul e Valentín Galarza.

A conspiración é descuberta polo PCE, que forzou ao goberno a tomar medidas. A pesares de todo estes xenerais seguen conspirando. Mola converteuse no verdadeiro director da conspiración, creando unha rede de axentes fasciosos, entre os que estaba o militar Queipo de Llano, inspector de carabineiros, que conecta cos carlistas que estaban preparando a súa propia insurrección. Tamén participan na preparación do alzamento a Unión Militar Española, e a Junta de Generales (da que era coordinador Emilio Mola), ademais de monárquicos, falanxistas e outros sectores da extrema dereita.

En xullo de 1936 aconteceron dous asasinatos de distinta ideoloxía que serviron para que os golpistas xustificasen o alzamento. O 12 de xullo uns falanxistas asasinaron o tenente da Garda de Asalto José Castillo, membro da UMRA. Algúns dos seus compañeiros decidiron vingarse e achegáronse ó domicilio de Antonio Goicoechea, pero ó non atoparse alí foron ó de Gil Robles, que tampouco se atopaba alí, e definitivamente ó de José Calvo Sotelo, que foi asasinado a tiros.

As ordes de Mola foron que o exército de África se sublevara ás 5 da mañá do día 18 de xullo e 24 horas máis tarde en toda a península. Franco dirixiuse a Marrocos desde Canarias no famoso voo no Dragon Rapide, alugado co diñeiro do banqueiro Juan March, que financiou o golpe.

Para pasar as tropas regulares á península necesitou pedir apoio ás forzas nazis e fascistas, xa que o estreito de Xibraltar estaba controlado polas tripulacións da escuadra republicana, que se amotinaran contra os oficiais rebeldes.

Hitler envioulle a Franco unha partida de 20 Junker e 6 cazas Heinkel e Mussolini enviou unha escuadrilla de 12 bombardeiros Savoia-Marchetti S.M.81 e 2 buques mercantes con cazas FIAT CR.32.

O bando franquista tivo o apoio material do fascismo europeo (Alemaña, Italia, Portugal), contou co egoísmo e a hipocrisía de Inglaterra e Francia no chamado “Pacto de Non Intervención”, coa implicación da dereita e a conivencia da Igrexa Española que declarou “Santa Cruzada” á guerra e consentiu a represión da posguerra, para limpar a Patria de “rojos e comunistas”.

A vitoria do bando franquista puxo fin ás institucións legalmente constituídas polas urnas, a o goberno da República continuou no exilio coa esperanza de que rematada a II Guerra Mundial, os estados democráticos vencedores na contenda, axudarían a restaurala. Pero nada diso aconteceu, o papel histórico de “Quixote” volveu ser unha realidade, os exiliados loitaron pola liberdade dos pobos contra o nazismo, pero o recoñecemento chegoulles tarde e de maneira simbólica.

Alexandre Bóveda de mozo

A Represión do Nacional-Catolicismo Franquista en Galiza

Galiza, xunto con Castilla La Vieja, León, e dous terzos de Zaragoza e Cáceres, abrazaron desde o primeiro momento as teses golpistas e apenas houbo resistencia que desencadeara unha fronte de batalla. Por iso, só a ideoloxía maniquea do fascismo, a xenreira das familias, o integrismo relixioso e as consignas do alto mando para dar un escarmento á poboación, explican a represión franquista.

A Igrexa e os militares odiaban aos sindicatos e aos partidos, por iso as forzas militares dispuxéronse con celeridade a dar cumprimento ao escarmento, que xunto á acción de moitos falanxistas asasinos, sementaron o territorio de fosas comúns aínda hoxe sen desterrar. A cifra inxustificable de asasinados e executados tras xuízos sumarísimos por delitos de “traizón” e “auxilio á represión” ascende a máis de 4.560, das cales, 836 producíronse en base a un xuízo, pero o resto a simples axustes de contas e perversión ideolóxica.

A modo de exemplo: Juana Capdevielle, muller do gobernador d’A Coruña, destacada intelectual feminista que estaba embarazada no momento da súa execución; alcaldes galeguistas como Anxo Casal en Santiago de Compostela, socialistas como Jaime Quintanilla en Ferrol ou Emilio Martínez Garrido en Vigo; deputados del Frente Popular como Antonio Bilbatúa, José Miñones, Díaz Villaamil, Ignacio Seoane ou ex-deputados como Heraclio Botana; militares que se mantiveron leais á República, como os xenerais Rogelio Caridade Pita, Enrique Salcedo Molinuevo, e o contraalmirante Antonio Azarola, os fundadores do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda Igrexas e Víctor Casas.

(Debuxo de Castelao do Cartafol GALICIA MÁRTIR)

O xornal A Nosa Terra queda suspendido, a Editorial Nós sofre o saqueo falanxista e o Seminario de Estudos Galegos é incautado, entre moitas outras felonías.

Pero a xente sinxela das vilas tamén sufriron a represión nas carnes, o corte de pelo dos familiares dos represaliados sería o menos aldraxante, unha vez que os pais ou os fillos eran arrincados do leito pola noite e aparecían nas cunetas dos rueiros cun tiro na caluga ou despois de días aboiando no mar.

Pero o talante que guía estes actos teñen un mestre, o imbécil de Millán Astray (e non o estou insultando senón definindo que diría Valle-Inclán), militar da lexión, chegou a dicir publicamente que “cando escoitaba a palabra intelixencia guindaba a man á pistola”.

O Lazareto-cárcere da Illa de San Simón (Redondela-Vigo) albergou a uns 5.000 presos políticos, despois aos prisioneiros da Fronte Norte; polo penal do Mosteiro de San Salvador, en Celanova (Ourense) pasaron outros 5.000 presos; o Campo da Rata (A Coruña) foi un lugar de fusilamento, en moitos casos de persoas “sacadas” dos cárceres máis próximos; en Camposancos, A Guarda (Pontevedra), actuou un Tribunal Militar no que foron condenadas a morte máis de 200 persoas; desde a Ponte de Castrelo do Miño (Ourense), os falanxista empuxaban ás vítimas ao baleiro, impedindo dese modo o seu enterramento.

Como diría Celso Emilio Ferreiro, Galiza ficou nunha “Longa noite de pedra”, frase que daría título ao seu poemario.

 

(Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao)

O Galeguismo no Exilio

A organización do galeguismo no exilio foi complicada. O Consello de Galiza creouse en Bos Aires (Arxentina) o 15 de novembro de 1944 cos deputados aló exiliados: Castelao, Elpidio Villaverde, Suárez Picallo e Alonso Ríos, uníndose posteriormente Alfredo Somoza. A primeira medida foi buscar alianzas cos gobernos de Euskadi e Cataluña. Para tal fin, Castelao pensou en Galeuzca, como idea de nacionalidades históricas para que nun futuro, de restaurase a República, Galiza non quedase fóra dos pactos nacionais, posto que o Estatuto non rematara de ser aprobado. Este pacto naceu no hotel Majestic de México no mes de decembro de 1944, pero aínda que asistiran moitas organizacións políticas e culturais das tres nacionalidades, non estaban os representantes dos gobernos vascos e cataláns, daquela este acordo nacía morto.

Por iso, no Pleno das Cortes republicanas organizado en 1945 en México, Castelao logrou que se formase a Comisión do Estatuto Galego para que os deputados ditaminasen a vixencia do mesmo.

O Consello de Galicia quixo ter representación no goberno de Giral, pero as outras forzas non fixeron nada para que isto acontecera, preocupándose só deles. En maio de 1946, o goberno da República trasladouse a Francia e ampliouse, de xeito que Castelao foi designado ministro sen carteira, trasladando a súa residencia a París. A presencia no goberno rematou coa caída do goberno Giral en 1947. Os seguintes gobernos pasaron de Galiza e Castelao volveu a Bos Aires contristado. Á súa morte o 5 de xaneiro de 1950, Alonso Rís faise cargo do Consello de Galicia.

En xuño de 1960, morto Somoza en 1951), quedaban só tres deputados aprobou a súa ampliación dando paso a dirixentes da emigración. En 1962 morreu Elpidio Villaverde, e dous anos máis tarde Ramón Suárez Picallo. Quedaba só Alonso Ríos que se mantivo no posto ata 1980, cando con 99 anos, e ante o desamparo e a incomunicación co galeguismo presente na súa Terra, decidiu botarse ás vías do tren e así rematar o soño dunha Galiza Soberana. Un ano despois aprobábase o Estatuto de Autonomía e creáse a Xunta de Galicia.

Castelao falando no banquetedo  Día de Galiza en 1944

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s