POESÍA de POSGUERRA, 1950-1960. (VI)

A partir de 1950 comeza a rexurdir a poesía na Galiza publicando un nutrido grupo de poetas que se reparten en tres promocións:

A Promoción de Preguerra, nacidos entre 1910-1920

A Promoción de Enlace, nacidos entre 1920-1930

Os poetas das Festas Minervais, nacidos entre 1930-1940. E dentro desta diferenciamos ao Grupo Brais Pinto.

Todos eles teñen en común a experiencia individual do mundo, o desacougo existencial, a ausencia de liberdade, a esperanza noutra Galiza libre da ditadura franquista..

A partir de 1950 debemos destacar algúns acontecementos culturais que marcan a vida da literatura galega:

– A Colección Benito Soto de poesía, nome inspirado no pirata da Moureira, foi un proxecto editorial levado a cabo en Pontevedra entre 1948 e 1952 polos poetas Emilio Álvarez Negreira, Sabino Torres Ferrer, Manuel Cuña Novás e o pintor Rafael Alonso.

As obras imprimíanse en Gráficas Torres, a imprenta do pai de Sabino Torres, polo que foi nomeado editor.

Nesta colección Cuña Novás editou “Fabulario Novo”(1952), Cunqueiro “Dona do Corpo dourado”(1950), Manuel María “Muiñeiro de brétemas”(1950), Luís Pimentel “Triscos”(1950), etc.

– A Editorial Galaxia

A editorial Galaxia foi fundada o 25 de xullo de 1950 en Santiago de Compostela por un grupo de galeguistas entre os que se atopaban Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Xaime Illa Couto. O primeiro libro publicado foi “Antífona da cantiga” (1951), de Ramón Cabanillas.

A editorial propiciou a creación de varias fundacións culturais e revistas, a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Illa Couto, a revista literaria Grial e a Revista de Economía de Galicia (1958-1968).

En 1957, crea a colección de poesía Illa Nova, que se estrea coa publicación do libro de Xohana Torres “Do sulco”.

– O Grupo Brais Pinto (1958)

A finais dos anos 50 do século pasado, un grupo de estudantes e intelectuais galegos coinciden en Madrid, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Ramón Lourenzo, Uxío Novoneyra, César Arias, Herminio Barreiro, Aleixandre Cribeiro, Manoel María e ‘Ben-Cho-Shey’. Entre todos deciden fundar o Grupo Brais Pinto. Organizan faladoiros, actividades culturais, crean unha editora e unha colección de poesía. A primeira obra en publicar foi “Bocarribeira”, o único poemario que Otero Pedrayo publicou en vida. Algúns deles seguirán a senda da poesía, encadrados neste proxecto.

– As Festas Minervais, foi un concurso literario de poesía que organizou a Universidade de Santiago para promocionar a creación literaria. Un feixe importante de estudantes participan neste certame, de xeito que podemos falar de grupo poético arredor do evento.

1.- Na Promoción de Preguerra(1910-1920), destacan Miguel González Garcés, María Mariño e Pura Vázquez.

– Miguel González Garcés (A Coruña, 12 de xaneiro de 1916 – 12 de decembro de 1989). Foi xornalista, docente e poeta bilingüe en castelán e galego.

Licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, realizou o doutorado en Madrid, foi director da Biblioteca Pública d’A Coruña.

Obra:

A partir de 1968 comeza a editar os seus poemarios en galego, “Poema no meu lar”(1968), “Poemas de Albertiño”(1970), “Nas faíscas do soño”(1972), “Paso soa de luz” (1975), “Claridade que a tentas me persigo” (1977), etc.

– María Mariño Carou (Noia – A Coruña, 8 de xuño de 1907 – Parada do Courel, 19 de maio de 1967). De familia humilde, o seu pai foi zapateiro e a súa nai xastra. A necesidade obrigouna a deixar os estudos e a traballar de costureira, de aí o apodo de “María a costureira”. En 1939 casa con Roberto Posse Carballido, maestro nacional, bastante máis novo ca ela e marchan a vivir ao País Vasco. Teñen un fillo que morre ante de cumprir os dous anos, marcando este feito a súa estabilidade emocional.

En 1946, regresan a Galiza, concretamente á Serra do Courel. Instalados finalmente en Parada de Moureda, coñece ao poeta Uxío Novoneyra. Cara a 1957, María Mariño empeza a escribir poesía. A esta autora adicóuselle o Día das Letras Galegas de 2007.

Obra:

O seu único libro é “Palabra no Tempo” (1963). A súa poesía é de estrañamento interior e exterior, con inquedanza existencial e relixiosa.

– Carmen Pura Vázquez Iglesias (Ourense, 31 de marzo de 1918, 25 de xullo de 2006). Foi mestra de carreira. Poetisa bilingüe, apostou por unha lírica existencial fronte á poesía social. Foi a primeira muller que comezou a publicar en galego nos xornais e revistas de Galiza e na emigración tras a guerra incivil de 1936. Foi pioneira no eido da literatura infantil e xuvenil.

Obra:

Comeza con “A saudade e outros poemas” (1963), “O desacougo” (1971), “Verbas na edra do vento” (1992), etc.

Outros poetas desta xeira son: Xosé Conde (Barbantes-Ourense, 1918), emigrado na Arxentina, destacamos “Nocturno de soidades” (1952), “Muiñada noitarega” (1955), “Os meus cantiles”(1981).

Anne Marie Morris, nada en Illinois (USA), contacta cos galegos universitarios no seu país e decide escribir na nosa lingua, “Voz fuxitiva”(1965), poemas de carácter intimista.

2.- Na “Escola da Tebra” ou Promoción de Enlace (1930-1930), destacan Antón Tovar, Luz Pozo Garza e Manuel Cuña Novás.

Non son nun grupo que compartan estilo, senón de marcada individualidade. Debido á ditadura franquista, son educados en castelán, pero deciden realizar o seu labor creativo en galego, orfos de medios lingüísticos.

– Antón Tovar Bovillo, nace en 1921 en Pereira (Rairiz de Veiga), morre en Ourense o 16 de xuño de 2004. Comezou os estudos de Filosofía e Letras, pero abandónaos para entrar no noviciado dos Xesuítas de Salamanca, onde ficaría pouco máis dun ano. Exerceu como funcionario do Ministerio da Facenda ata 1967, ano en que foi expulsado pola súa militancia clandestina no Partido Comunista. Comeza a traballar na libraría Tanco, onde estabeleceu relación con Vicente Risco, Ferro Couselo e López Cid. A partir de 1950 comeza a escribir poesía en castelán e ata 1962 non edita en galego.

Obra:

En 1962 edita “Arredores”, séguenlle “Non” (1967), “Calados esconxuros” (1980), “Berros en voz baixa” (1990), “A nada destemida” (1991), “Cadáver adiado” (2001), “O vento no teu colo” (inédito). Tamén escribiu relatos curtos.

A súa poética é existencial, ateigada dun “sentido tráxico da vida” que diría Miguel de Unamuno.

Antón Tovar

Luz Pozo Garza, (Ribadeo o 21 de xullo de 1922). Estudou de Maxisterio e Filoloxía Románica.

Con catorce anos, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, trasládase coa súa familia primeiramente a Lugo e despois a Larache (Marrocos). De volta en Galicia, instálanse en Viveiro. Pero será en Vigo onde desenvolverá a súa traxectoria docente, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán.

Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu a creación da revista Clave Orión. É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996.

A súa poesía é sensual e profunda, na cal o amor, a morte ou a liberdade teñen un grande peso específico.

Obra:

Comeza a súa andaina con “O paxaro na boca” (1952), “Verbas derradeiras” (1976), “Concerto de outono” 81981), etc.

– Manuel Cuña Novás (Pontevedra, 1 de xuño de 1924 – 18 de maio de 1992). Foi xornalista do Diario de Pontevedra.

Pasa a nenez en Pontevedra, ata o período republicano, daquela a súa familia trasládase a Ciudad Real, onde os sorprende a guerra incivil de 1936. Á final da guerra o seu pai exíliase, pero el volve a Galiza. En 1951 pasa un tempada na Francia do existencialismo, asimilando as ideas de Jean-Paul Sartre, Albert Camus, Édith Piaf, Paul Éluard, e de autores como Holderling, Rainer Maria Rilke ou Arthur Rimbaud.

A policía franquista intimidouno nalgunha ocasión acusándo falsamente de que os seus fillos tiñan sido entrenados na escola terrorista de Tolouse. Foi cofundador da editora Benito Soto. Nas Eleccións Xerais de 1982 foi elexido senador polo PSOE.

Obra:

O seu primeiro libro foi “Frauta na noite” (1947), “Fabulario novo”(1952), e un poema longo titulado “Canto e fuga da irmandade sobor da terra e da morte” (1977).

Fotomontaxe (Cuña Novás de novo)

Outros poetas desta xeira son Ramón González Alegre con “Os namoros” (1961); Faustino Rei Romero – clérigo -, con “Doas de vidro”(1951), “Escolanía de Merlos” (1959); Tomás Barros con “Berro diante da morte”(1964), “Abraio”(198); Tomás Barros foi confundador da revista Aturuxo e Ronsel. María do Carmo Krukenberg con “cantigas do vento”(1956), “Canaval deouro”(1962), “A sombra ergueita” (1976); Eliseo Alonso con “Seara de romances”(1952); Xosé Neira Vilas con “Desde lonxe”(1962), “Inquedo latexar” (1969).

3.- Na Promoción das Festas Minervais (1930-1940), destacan Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Salvador García Bodaño, Xosé Luís Franco Grande e Arcadio López Casanova.

– Manuel María Fernández Teixeiro (Outeiro de Rei, 6 de outubro de 1929 – A Coruña, 8 de setembro de 2004) destacou como poeta e político activo por Galiza nas filas do BNG.

En 1958 instalouse en Monforte de Lemos (Lugo), onde permaneceu a meirande parte da súa vida como procurador de tribunais.

A súa temática contempla o amor, o humor crítico, a contestación social.

Obra:

Manuel María comeza a escribir en galego con “Muiñeiro de brétemas”(1950), “Morrendo a cada intre”(1952), “Terra Cha”(1954), “Advento”(1954), que seguen a liña da “Escola da Tebra”. Con “Documentos persoais”(1958), “Mar maior”(1963), a denuncia social comeza a ser habitual na súa extensa poesía, moi definida en “Cantos rodados para alleados e asoballados”(1976).

Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, Courel, 19 de xaneiro de 1930 – Santiago de Compostela, 30 de outubro de 1999). A Serra do Courel en Lugo, foi o principal referente físico e espiritual para o poeta, onde a paisaxe é a principal protagonista, xunto coa sonoridade dos versos. Foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Obra:

Novoneyra destaca polo seu poemario “Os eidos” (1955), e a relación con el foi case obsesiva, xa que o corrixiu en sucesivas edicións, na procura da perfección.

Publicou ademais “Poemas caligráficos” (1979), “Muller pra lonxe” (1987) e “Do Courel a Compostela” (1988).

Xohana Torres Fernández (Santiago de Compostela, 1931). Viviu a nenez e a mocedade en Ferrol (A Coruña), cidade na que foi alumna de Ricardo Carballo Calero e onde entrou en contacto co mundo da radio e o teatro.

Estudou Filosofía e Letras en la Universidade de Santiago de Compostela, onde se relacionou con María Auz, Ánxel Leira y Xosé Luís Franco Grande.

En Radio Ferrol dirixiu en 1956 un programa destinado a mulleres. En 1972 recibiu o Pedrón de Ouro por su labor cultural en beneficio de Galicia.É membro da Real Academia Galega desde o 27 de outubro de 2001.

Obra:

Os comezos son con “Do sulco”(1957), “Estacións ao mar”(1980), Tempo de Ría”(1992), etc.

Escribiu teatro “A outra banda do Iberr” (1965), “Un hotel de primeira sobre o río” (1968); narrativa “Adiós, María” (1971), literatura infantil e ensaio.

– Salvador García Bodaño Zunzunegui (Teis, Vigo, 17 de xullo de 1935). Con apenas meses a familia tarsladase a santiago de Compostela a vivir, onde se fixo intelectualmente e desenvolveu a súa vida familiar.

Foi cofundador da Asociación cutural O Galo (1961), participou na creación do Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela e foi presidente do Pedrón de Ouro. É membro numerario da Real Academia Galega.

Obra::

A obra de Bodaño comeza con “Ó pé de cada hora”(1967), despois ven “Tempo de Compostela” (1978). A temática da súa obra é lírica e de compromiso coa súa terra.

– Xosé Luís Franco Grande (Tebra – Tomiño – Pontevedra-, 17 de febreiro de 1936). Estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela. A súa vida profesional e familiar desenvolveuna en Vigo, de profesión avogado ata a xubilación en 2001.

Autor dun dicionario galego-castelán, que tanto serviu no seu momento para poder camiñar polas corredoiras da lingua, orfa de instrumentos durante moitos anos, cativa deles aínda nos tempos actuais. Ingresou na Real Academia Galega o 3 de xullo de 1998.


Obra:

Comeza con “Vieiro Choído” (1957), “ Vieiro Choído” (1957), “Entre o si e o non” (1967),…

– Arcadio López Casanova (Lugo, 1942). Desde 1986 é profesor titular do Departamento de Filoloxía Española na Facultade de Filoloxía da Universidade de Valencia.

Os primeiros libros de López-Casanova reflicten unha preocupación obsesiva por recuperar a infancia, a inocencia perdida, mesturada con dramatismo que expón unha visión desesperada do mundo e das cousas. Cultivou o teatro e a literatura infantil.

Obra:

En 1965 publica “Sonetos da esperanza presentida”, continúan os poemarios ”Mesteres” (1976), “Noite do degaro” (1994).

Avilés de Taramancos, (Noia – A Coruña, 6 de abril de 1935, 23 de marzo de 1992). De familia humilde, o seu pai era Severiano Avilés, mariñeiro, a súa nai Manuela Vinagra, labrega.

Fixo o bacharelato en Noia, depois mudouse Á Coruña, onde fixo estudos de náutica. Aló entrou en contacto co pintor Urbano Lugrís, con Xohán Casal e Reimundo Patiño que influíron na súa formación galeguista. Neste tempo colabora coas revistas literarias Atlántida, onde publica os seis poemas que constitúen “As moradías do vento”.

Acosado pola “social”, policía secreta estudantil que infiltraba o franquismo nas universidades, decide marchar en 1961 a Colombia, onde permanece ata 1980, primeiro na selva amazónica e máis tarde en Bogotá.

A mellor etapa da familia Avilés-Baquero foi o período de 1971-1980, cando traballou como xerente na Cultural Colombiana de Occidente en Cali. O poeta volveu aos recitais e a organizar actividades culturais. En 1994 regresa coa familia que formou en Colombia a Galiza e instálase en Noia, rexentando unha taberna nunha casa do século XVI.

Toma parte activa na política local no BNG. Foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, etapa na que se realiza o Congreso Galeuzaca en Baiona (Pontevedra). Adicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 2003.

Obra:

Os seus libros de poemas son: “A frauta i o garamelo” (1959), “O tempo no espello”(1982), “Cantos caucanos” (1985), “As torres no ar” (1989), “Obra viva”(1992), “Nova Crónica das Indias”(1992) e o libro póstumo “Última fuxida a Harar” (1992).

Avilés de Taramancos

4.- No Grupo Brais Pinto, destacan Bernardino Graña, Luís Méndez Ferrín eAlexandre Cribeiro.

– Bernardino Graña Villar (Cangas de Morrazo, 1932). Fillo de mestre represaliado polo franquismo, estivo ao coidado dos seus tíos de Darbo. Estudiou Filoloxía en Madrid e adicouse ao ensino, nunha primeira etapa en Cataluña e despois na Galiza. Actualmente reside por tempadas n’A Coruña e en Cangas do Morrazo.

Foi membro da redacción da revista de poesía Alba. Tamén presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Na súa obra é importante a temática mariñeira, pola amistade fonda co seu tío Emilio, mariñeiro de Balea (Cangas). O intimismo e a influencia de Neruda atópase en moitso dos seus versos. Escribiu narrativa e teatro.

Obra:

O seu primeiro poemario foi “Poema do home que quixo vivir” (1958), “Profecía do mar” (1966), “Non vexo Vigo nin Cangas” (1975), “Se o noso amor e os peixes” (1980), etc.

Bernardino Graña

– Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 7 de setembro de 1938). En 1949 a súa familia trasládase a Pontevedra, onde toma contacto co galeguismo. En 1955 a familia instálase en Vigo, cidade na que desenvolverá a súa vida profesional e familiar. Foi catedrático do instituto Santa Irene desta cidade.

A súa actividade política foi intensa, cofundador da UPG e militante activo da FPG. Foi proposto ao Premio Nobel pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Actualmente é Presidente da Real Academia Galega desde o 2010, e Doctor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Escribiu narrativa e ensaio. A súa obra ten un carácter social, hermético en moitos casos, innovadora sobre todo.

A obra:

O primeiro poemario é “Voce na néboa”(1957), despois séguelle “Antoloxía Popular”(1972), que o edíta baixo o seudónimo de Herberto Bens.

“Con pólvora e magnolias”(1976), supón un antes e un despois na lírica galega, influenciando a moitos poetas novos da xeración dos 80-90.

Alexandre Cribeiro, (Pontevedra 1936). Fillo dos mestres Pío Cribeiro González e Regina Rodríguez Bares. Cando o seu pai é represaliado por ser o bibliotecario da sede do Partido Galeguista en Pontevedra, pasarán uns anos sen poder exercer a profesión, entón a familia trasladase a Cangas do Morrazo.

Cribeiro estudou Dirección no Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas de Madrid e traballou para TVE e foi unha tempada director da TVE en Galiza.

Obra:

Comeza co poemario “Acoitelado na noite(1960), “Doente de esperanza”(1962) e “Indo pra máis perto”(1979)

Alexandre Cribeiro

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s