A literatura NON normalizada dos 80. (VIII)

Proemio

 

Para entender a poesía dos 80 hai que lembrar o contexto histórico no que acontece porque a chamada “literatura nacional” que denominou X. Méndez Ferrín e que a UPG controlou por diversos mecanismo, determinou o destino de moitos poetas na estética e no persoal, no presente e no futuro, sentenciando ao ostracismo a uns e inzando a outros, segundo a fe de bautismo e a ortodoxia nacionalismo que os acompañase.

Moitos deles puxeron todo o seu empeño en servir a Galiza e poucos utilizaron a poesía para o seu proveito, pero Galiza é cainita por tradición.

Precedentes socio-literarios

 

O Grupo Brais Pinto

A finais dos anos 50 do século pasado, un grupo de estudantes e intelectuais galegos coinciden en Madrid, todos eles teñen ligazóns coa cultura galega, algúns son máis activos políticamente ca outros, pero todos teñen como obxectivo loitar por unha Galiza soberana.

Un grupiño de mozos, unido a outros non tan mozos, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Ramón Lourenzo, Uxío Novoneyra, César Arias, Herminio Barreiro, Aleixandre Cribeiro, Manoel María e ‘Ben-Cho-Shey’, fundan en 1958 o Grupo Brais Pinto.

Organizan faladoiros, actividades culturais, crean unha editora e unha colección de poesía. A primeira obra en publicar foi “Bocarribeira”, o único poemario que Otero Pedrayo publicou en vida.

(Grupo Brais Pinto en Madrid)

A Unión do Pobo Galego

En novembro de 1963, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xaime Quessada Porto, Bautista Álvarez, Reimundo Patiño, Luís Gonçales Blasco “Foz” e Xosé Antonio Arjona, integrantes do grupo Brais Pinto de Madrid fundan a Unión do Povo Galego como partido marxista e nacionalista galego que se integra no Consello da Mocidade.

En 1964 o Consello da Mocidade Galeguista, baixo a dirección de Ramón Piñeiro, galeguista conservador,  expulsa ao sector marxista, polo que a UPG volve a refundirse un 25 de xullo de 1964 integrando ao grupo Brais Pinto, a antigos militantes da Federación da Mocidade Galeguista (Celso Emilio Ferreiro) e do Partido Comunista de España (Luís Soto), en total non logra xuntar máis de vintecinco activistas.

(Tira dun cómic de 10 ventás da
clandestinidade antifranquista)

O Festival de Poesía do Condado

En 1973 nace “A Sociedade Cultural e Deportiva do Condado”, con sede en Salvaterra de Miño (Pontevedra). Daquela organiza o Festival da Poesía do Condado todas as primeiras fins de semana de setembro. Este encontro poético-musical e cultural acadará moita asistencia e relevancia. A organización está vencellada a sectores da esquerda nacionalistas, pero o festival ten aglutinado a diversos colectivos galegos, cataláns e vascos.

A mocidade daquel tempo

Polos anos 80, nos pubs vigueses, “O cerne da deboura” e “De catro a catro”, a intelectualidade galega e o nacionalismo tiña neles o seu espacio público de lecer e de contacto, aló era doado atopar a Ferrín ou a Pexegueiro.

A mocidade asiste a concertos multitudinarios de cantautores, Lluis Llach, Xosé Afonso, ou a concertos íntimos en pequenos pubs, nos que actuaban Tete Montoliu, Joaquín Sabina,…

As librarías son lugares que frecuenta a xuventude que vive un mmento de crítica, de debate social ou de procura de liberdade, e interésase pola filosofía (Sartre, Camus),  pola asignatura pendente da sexualidade (Freud, Wilhelm Reich), pola teoría política, destacando editoras como Akal.

En Galiza, a editorial Galaxia e posteriormente Edicións Xerais, representan dúas maneiras de apoiar á cultura, a primeira acubilla o pasado e o conserva, a segunda mira ao futuro, e busca implantar o libro de texto en galego, ata agora inexistente.

Edicions de autor e edicións clandestinas

Hai poucos anos que finou a dictadura franquista, os escritores escriben a man ou con máquina de sobremesa, apenas hai quen teñan máquina de escribir eléctrica.

As edicións de autor son cousa normal, ninguén aposta pola lírica e menos en galego.

A primeira publicación do grupo de poesía “Rompente” é un feixe de follas impreso en multicopista, feito na clandestinidade, cos poemas sen firmar e cunha carga política que os fai intragables, por moita parafernalia de “poesía burguesa” e “poesía proletaria” que se apunte no proemio. Méndez Ferrín inspira ao grupo, Bernardino Graña espalla esta antoloxía, pero despois dunha ollada os versos non convencen a outros poetas que tenta conquistar para o grupo.

A partir de 1979 comezan os novos poetas a mostrar os seus versos en sinxelas edicións de autor, é o caso de “A caluga do paxaro” de Xavier Seoane; “Cántigo”(1981) de Xoaquín Agulla; “O pabellón das hortensias azuis”(1983) de Alfonso Pexegueiro; etc.

(Antoloxía poética de Rompente
clandestina, impresa a multicopista)

Os referentes e os intereses do “establishment”

Escribir nos anos 80 era algo máis ca un oficio con apenas instrumentos, sen gramáticas fiables, sen unha normativa de consenso, sen dicionarios normativos, e para colmo de males, nun mar proceloso de intrigas e comisarios políticos que sempre rularon pola xeografía deste país.

Nos oitenta hai tres personalidades que loitan por destaca en varios planos da vida cultural galega, Alfredo Conde desde posicións socialdemócratas españolas, Carlos Casares desde a socialdemocracia galega e X. Luís Méndez Ferrín desde a esquerda nacionalista.

Alfredo Conde chega a ser Conselleiro no goberno de Fernando González Laxe en 1987, e sendo socio da AELG, négase a darlle unha dotación para a súa sostenibilidade.

Carlos Casares consegue ser director de Galaxia e ademais Presidente do Consello da Cultura.

Xosé Luis Méndez Ferrín continuou a súa docencia ademais de seguir a actividade política apoiando a Frente Popular Galega. Hoxe en día, xa retirado do ensino, preside a Real Academia Galega.

O nacemento da AELG

En Santiago de Compostela, o 3 de maio de 1980, un grupo de escritores formado por Alfredo Conde, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro, Manuel Rivas e Xoán Ignacio Taibo, deciden constituir a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A AELG celebrou o I Congreso de Escritores Galegos en 1981 no Mosteiro de Poio (Poio – Pontevedra), desenvolvendo unha importante actividade ata hoxe.

Deseguida as tensión non se fixeron esperar e o nacemento do PEN Clube galego adscrito ao PEN Club internacinal tentou ser alternativa á AELG, nacendo da man de Luís González Tosar, co apoio de Alfredo Conde e de Carlos Casares. A súa actividade está vencellada ás institucións oficiais e funciona para seu.

A canonización poética

Estas tensións tamén se reproducen no terreo editorial e os poetas dos 80, cando aínda están a dar os seus primeiros pasos, vense envolvidos en controversia e estigma, ao intervir de novo o “establishment” nacionalista.

No ano 1984, a editora Sotelo Blanco, encarga ao poeta e ensaísta, Xosé Lois García, que reside en Barcelona, escribir unha antoloxía da nova poesía galega. O libro publícase co título “Escolma da Poesía Galega 1976-1984. O autor contactou coa AELG e recabou información e contrastouna para que o libro reflectise a realidade do momento, xa que logo, aqueles poetas mozos, pasado o tempo, serían poetas de altura, prosistas, dramaturgos ou deixarían os trebellos e se dedicarían a outros mesteres.

Naquela escolma estaban os versos de Manuel Vilanova, Rodríguez Baixeras, Miguélez Díaz, Ánxeles Penas, Alfonso Pexegueiro, Víctor Vaqueiro, Pato Díaz, Xoaquín Agulla, Pilar Pallarés, Rei Núñez, Paulino Vázquez, Valcárcel, entre outros moitos.

Pero a man da censura nacional non se fixo agardar, e nese mesmo ano, sen que dera tempo a esgotarse a edición comentada, a editora de Sotelo Blanco publica cun formato similar, redactada por Luciano Rodríguez Gómez, unha escolma co seguinte título: “Desde a Palabra, doce voces. Nova Poesía Galega”, querendo acoutar os lindes e consagrando os poetas nacionais dos oitenta: Xosé Mª Álvarez Cácamo, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane Rivas, Claudio Rodríguez Fer, Ramiro Fonte Crespo, Manuel Rivas Barros, Pilar Pallarés García, Miguel Anxo-Fernán Vello, Román Raña Lama, Eusebio Lorenzo Baleirón e Paulino Vázquez.

Moitos destes poetas estaban na antoloxía primeira de Xosé Lois García, outros eran descoñecidos para o público en xeral.

Os poetas en lingua galega dos anos 80

A partir de 1976 prodúcese unha renovación na poética galega que ata entón estaba moi influenciada pola poesía de Celso Emilio Ferreiro.

Os anos 80 foron anos de grande actividade cultural, con recitais, publicación de revistas como Nordés, Coordenadas, Dorna, Festa da palabra silenciada e Luzes de Galiza.

A AELG publica a súa revista baixo o nome de Escrita, con deseño de capa de Margarida Ledo Andión. Despois a revista da asociación muda o formato e pasa a chamarse Nó.

Neste anos aparecerán varias asociacións de poetas que publican colectivamente baixo un nome determinado os seus poemas (Alén, Cravo Fondo, Dolmen, Rompente…)

Alén fundouse en Santiago de Compostela e estaba formado por Miguel Mato, F. Salinas Portugal e X. Ramón Pena.

O grupo Rompente estaba formado por Antón Reixa, Alfonso Pexegueiro, Alberto Avendaño, Manuel Romón e Camilo Valdeorras. Este colectivo publica en 1978 o libro “Silabario da turbina”.

Unha clara idea de transgresión marca a poesía deles que se materializa noutros títulos como “As ladillas do travestí” de A. Reixa, Galletas kokochka non” de M.M.Romón e “Facer pulgarcitos tres” de A. Avendaño.

Cravo fondo aparece publicado en 1977 cun manifesto poético como prólogo. O colectivo está composto por un grupo de poetas que non pertencen á mesma xeración: X.Rábade Paredes, Ramiro Fonte, Xavir Rodríguez Barrio, Xulio L. Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño e Helena Villar.

Segundo algúns críticos, a publicación do libro “ E direi-vos eu do mister das cobras” de Manuel Vilanova vai a influír nalgúns poetas como Eusebio Lorenzo Baleirón, Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Anxo Quintela, Román Raña, Paulino Vázquez.

Os poetas desta xeración son máis ca doce apóstolos, e faltan algúns que posiblemente sigan co oficio de versificar, pero estes nomes que a continuación se citan comezaron a publicar a finais dos setenta e principios dos oitenta. ¡Non están todos os que son, pero si son todos os que están!

Alfonso Pexegueiro traballou na redacción da revista infantil e xuvenil Vagalume nos anos 1976-78. Foi cofundador e primeiro secretario da AELG, pero a súa andaina poética toma un camiño propio coa publicación de “Seraogna”(1976), “Mar e naufraxio”(1978), “ Circos de auga”(1979) …

Xulio Valcárcel, participou nos colectivos Cravo Fondo e Desamor, ademais de ser do consello de redacción da revista Luzes de Galiza. En 1983 publicou “Alba de auga sonámbula” e as “Cidades da nada”.

Víctor Vaqueiro publicou en 1981, “Lideiras entre a paisaxe, informe da gavilla e camiño de Antioquía”, en 1984 recibe o Premio da Crítica co poemario “ A fraga prateada”.

Xavier Seoane, cofundador da revista Luzes, publica “Os bosques encendidos (1981), “Iniciación e regreso” (1985), “Presencias” (1985) …

Claudio Rodríguez Fer, é poeta, narrador e ensaísta, que comeza a súa andaina con “Poemas de amor sen morte”(1979), “Tigres de ternura”(1981), “Cinepoemas” (1983)…

Xavier Rodríguez Baixeras, naceu fóra de Galiza, pero en Madrid conectou coa nosa cultura a través das clases que recibía na delegación da Unesco de Xosé Ramón Fernández-Oxea, do grupo Brais Pinto. En 1977 trasladouse a Vigo e comeza a escribir en galego, “”Fentos no mar”(1981), “Lembranza do areal”(1985), “Anos de viaxe”(1987) …

Miguel Anxo Fernán-Vello fundou a editorial Espiral Maior en 1991, cofundador das revistas Cen augas e Agália, publicou “Do desexo en corpo e sombra” (1984), Concello de Vigo. “Seivas de amor e tránsito” (1984), “Livro das paisaxes vivas” (1985)…

Cesáreo Sánchez Iglesias, cofundador da Agrupación Cultural Lóstrego, da Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño,director de Edicións A Nosa Terra, é o actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega . As primeiras entregas poéticas foron “Silencios e conversas de inverno” (1978), “Antonte de salamántigas” (1980), “O cántigo da fonte” (1982) …

Pilar Pallarés García é unha das voces máis sólidas do grupo, colaboradora da revista Festa da palabra silenciada. En 1980 publica “Entre lusco e fusco” e con “Sétima soidade”, recibe o Premio Esquío de poesía en 1983.

Xosé Lois García, poeta galego afincado en Barcelona, gran embaixador da nosa cultura, comezou con “Borralleira para sementar unha verba”(1974), “Do faro ao Miño” (1978), “ Aquarium” (1982) …

Xoaquín Agulla Pizcueta, tamén foi secretario da AELG, organizando o Galeuzca de 1986 na Galiza, desenvolvendo unha grande actividade a prol da asociación xunto con Avilés de Taramancos e Mª do Carmen Krukenberg. En poesía dounos “Cántigo” (181), “Ensoños de Breila” (1982), “Aquí fican melodías” (1984),…

Manuel Forcadela “Ferida Acústica de río” (1982) “O regreso das ninfas”, “O varredor en outono”; Ramón Raña Lañas “Retrato de sombra en outono” (1981); Xosé Manuel Casado “Rexistro de menores espantos”, “Os preludios”,…etc.

Para a confección dos autores guieime pola opinión de Méndez Ferrín, quen nun artigo firmado por Manuel Rivas, publicado no diario El País (19 de xaneiro de 1984), enumera os autores da xeración dos oitenta:

[ …con risco de involuntarios esquecementos, chámanse: Claudio Rodríguez Fer, Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane, Víctor Vaqueiro, Afonso Pexegueiro, Darío Xohan Cabana, Xavier Rodríguez Barrio, Grupo Rompente (Antonio Reixa, Alberto Avendaño, Manuel Romón), Xesús Rábade, Helena Villar, Cesáreo Sánchez, Xulio Valcárcel, Manuel Forcadela, Paulino Vázquez, Raña Lama, Anxo Quintela, Piar Pallarés, Miguel Mato, Ramiro Fonte, Fernán-Vello, Luis Pereiro, Lino Braxe, Eusebio Lorenzo, Enrique Monteagudo, Cristal, Xela Arias, Ana Romaní, Xoaquín Agulla. O tempo dirá o que hai de esencia ou de simple escintileo.]

Para ampliar a nova xornalística:

http://elpais.com/diario/1984/01/19/cultura/443314802_850215.html

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s