Augas dun muíño e puntos suspensivos…

Non daba puntadas sen fío…

(Adicado ao meu pai
que foi xastre ata a fin)

 

Puntos suspensivos…

(poema publicado na Escolma Poética da primavera de 1988

no libro do 8º Festival da Poesía de Salvaterra do Miño).

I

 

Sombra é un corpo desnutrido

e un río de angustia e a escorrentar,

que remonta o suicidio polas veas

é un astro negro fronte o sol da vida…

 

Sombra é un momento de pracer non compartido

ese medo a descubrir a cativeza propia

fonte queda no veleno

dun vasto urinol por universo…

 

Sombra en cada esquina do arquitecto

que conspira edificios leis e fronteiras

dun cárcere onde moran as aves

os mamíferos e as feras…

 

Sombra son os intereses

que sorben a ollada cristalina

e un home é distinto en cada hora

por simple dilación dunha partida…

 

Sombra é o bautismo cando un nace

que tenta asolagar toda inocencia

e a teima por pechar esas pupilas

a gozar e respeitar o mundo…

 

Sombra é o cipreste cara ao ceo

carregado de morte e de estropício

que provés da idea e do labor diario

de homes escravos e técnicos submisos…

 

Sombra é a quincalla poética

de quen domina o verso e non ten pulso:

a verba apoiada noutra verba

e o público de xordos aplaudindo…

 

Sombra é o contrario do pesadume

que os nosos ollos labouran e soportan

diante da máis escura historia

por coutar os destinos dunha Terra…

 

Sombra de sombras é esta Terra!

 

 

II

 

É flor un xigante de milímetros

que agroma na substancia morta

e pasa outono e inverno e volve

primavera belida, sangal

e pura blasfemia…

 

É flor un pensamento

que contribúe á liberación de outros

seres máis sinxelos máis na terra

e contra o aire ínzaos…

 

É flor a mística do beixo

que nas meixelas das cousas se revela

e dá animación e se reitera

e máis calor e formas e sustento…

 

É flor esa lembranza que esquecemos

mentres os vivos viven e son nosos

e un cabodano repetimos

todo o perdido e lonxe para sempre…

 

É flor o que desexan conturbados

os seres apreixados aos camiños

en loita titánica e perpétua

coa nada que se despide e despedimos…

 

É flor o sorriso deses heroes

que todo o dan e mesmamente o quitan

e avivan un incendio que máis logo

en contra deles se revolve…

 

É flor e vento e son as ganas

por liberar á terra de estrañados

que tentan acalar estas entrañas

de mar saudoso e bosque mesto…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s